Saturday 27 de April de 2024

Unha vintena de concellos estudan participar este ano nos proxectos de apoio cartográfico da Xunta


— O Goberno galego lanza unha nova convocatoria do proxecto PNOA10 e do Programa de apoio cartográfico aos concellos cos que se busca obter ortofotos aéreas de alta precisión e bases topográficas a tres escalas diferentes dos territorios participantes

— As entidades locais teñen ata o vindeiro 10 de maio para formalizar a súa adhesión

A Xunta de Galicia seguirá colaborando este ano cos concellos en materia cartográfica e xeográfica, un obxectivo para o que lle dará continuidade a dúas das liñas de traballo impulsadas neste eido polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) e nas que están interesados en participar unha vintena de municipios das catro provincias.

Será, concretamente, a través dunha nova convocatoria do proxecto PNOA10_Galicia, posto en marcha pola Xunta en 2018 para a obtención de ortofotografías aéreas de gran resolución, e do Programa de apoio cartográfico aos concellos (PACC), un proxecto impulsado o verán pasado e que se enmarca tamén na liña de colaboración aberta desde hai anos entre o IET, a Fegamp e as administracións locais galegas.

A demanda de información territorial e cartográfica actualizada e de calidade vai en aumento, sobre todo a nivel municipal, polo que cada vez son máis as administracións locais que queren dispoñer da mesma ou mellorar a xestión do material que teñen.

Por este motivo, a Xunta volveu lanzar este ano ambos programas, animando aos concellos galegos a participar. A convocatoria tivo unha boa acollida e un total de 19 municipios confirmaron ao longo do mes de abril o seu interese en participar no PNOA10, no PACC ou incluso nos dous.

Para aclarar as súas dúbidas sobre o funcionamento de ambos instrumentos, as obrigas e vantaxes que levan asociadas e as súas múltiples aplicacións prácticas, o director do IET, Enrique de Salvador, mantivo o xoves unha xuntanza informativa por videoconferencia con representantes da Fegamp e dos municipios interesados.

En todo caso, a participación nos programas non quedará confirmada ata que cada concello formalice oficialmente a súa adhesión, un trámite co que deberán cumprir antes do vindeiro 10 de maio. A partir dese compromiso, asinarase un convenio de colaboración con todos os municipios participantes e a finais deste ano licitaranse os contratos correspondentes, co obxectivo de poder levar a cabo os traballos sobre o terreo o vindeiro ano.

Tras o éxito acadado nos anos 2018 e 2019 coa realización de voos ortofotográficos nos concellos seleccionados para obter imaxes aéreas de alta resolución e xeorreferenciadas, no marco do PNOA10_Galicia, o ano pasado o IET decidiu, xunto coa Fegamp, ampliar esta experiencia.

Deste xeito, ademais de darlle continuidade ao PNOA cunha nova edición de voos realizados en 2021, tamén acordou colaborar coas entidades locais a través do Programa de apoio cartográfico a concellos, unha iniciativa colaborativa e pioneira na que o IET asume a parte técnica, encargándose do control de calidade e da contratación do servizo para a obtención das bases topográficas destes municipios.

O obxectivo principal do PACC é acadar este material a tres escalas diferentes, 1/5.000, 1/2.000 e 1/1.000, un material de gran utilidade a nivel municipal xa que cómpre ter en conta que a cartografía existente non está actualizada ou carece de definición suficiente como para obter unha imaxe real do territorio en canto a edificacións, estradas, rede hidrográfica ou equipamentos e dotacións.

Un material custoso e moi especializado
O IET recibe constantemente consultas sobre como aplicar as normas cartográficas emanadas da Comisión para a coordinación da información xeográfica e cartográfica, e que son recollidas nas propias Normas Técnicas de Planeamento como de obrigado cumprimento, ao igual que é consciente da dificultade que ten a Administración Local para poder contar con técnicos especializados neste sentido.

Débese destacar tamén o feito de que as bases topográficas son caras de producir e poder licitar conxuntamente entre varias administracións a súa elaboración, como se fixo neste caso, reduce os custos e axuda a mellorar a calidade dos resultados.

De feito e a raíz do convenio asinado o ano pasado entre o IET, a Fegamp e os concellos de Ames, As Pontes, Cee e Coirós, xa foi adxudicado o contrato de servizo para a obtención das bases cartográficas destes catro concellos por un importe de 179.080 euros, o que supón un aforro de máis de 78.000 euros para os gobernos municipais.

Ademais, cómpre subliñar tamén a achega que fai o departamento autonómico, que contribúe con 100.000 euros de fondos propios a ambos programas —50.000 euros para cada un— ademais de aportar o traballo técnico do seu persoal, valorado en 30.500 euros no caso do PNOA10 e nuns 26.000 euros no do PACC.